A Deputación da Coruña incrementa a achega para financiar dúas sendas no polígono de Sabón, en Arteixo

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este venres por unanimidade a adenda ao convenio de colaboración entre a institución provincial e o Concello de Arteixo para o financiamento de infraestruturas no polígono de Sabón, como consecuencia da cesión da área empresarial á Administración local arteixá.

O documento recolle un incremento de 73.204,55 euros sobre o previsto inicialmente para desenvolver unha senda na zona do embalse e a avenida da prensa, de modo que a achega da Deputación se eleva agora ata os 670.673,55 euros. Con esa dotación sufragarase o 100 % da nova infraestrutura.

Por outra banda, a institución provincial destinará 587.280,39 euros ao proxecto da senda que discorrerá polas inmediacións da praia. Ese montante supón un aumento de 177.514,45 euros. Así, a achega da Deputación cubrirá o 51,52 % do custe total da obra.

A adenda aprobada este venres contempla tamén unha modificación da data de vixencia do convenio entre Deputación e Concello, que se fixa agora no 22 de abril de 2027. Tamén un novo prazo de finalización das obras, que concluirá o 21 de marzo dese mesmo ano.

O acordo entre ambas administracións, que data de 2021, recolle a execución de diferentes obras relacionadas cos sistemas de abastecemento de auga ao polígono e a mellora da mobilidade peonil. A achega máxima por parte da Deputación para sufragalas sitúase nos 3.564.098,70 millóns de euros.

Related posts

Un traballador perdeu a vida tras caerlle un ferro enriba en Santa Comba

A Xunta pon en valor o obradoiro dual e o programa integrado de emprego de Arteixo

Un lume iniciado nunha manta eléctrica provoca a morte dun home en Moeche