A Deputación da Coruña insta á Xunta a mellorar o Fondo de Cooperación Local

1 minutes read

O último pleno celebrado na Deputación da Coruña instou á Xunta de Galicia a que cumpra co Pacto e o Fondo de Cooperación Local e o faga de xeito urxente ante a situación de «crise inflacionista global» que tamén está a afectar «moi directamente ás administracións públicas locais».

«Pedimos unha mostra de sensibilidade da Xunta con respecto aos concellos, non pode ser que se gasten máis fondos en pagar a débeda ou en concertos do Xacobeo que en financiar aos concellos cunha partida que leva dez anos conxelada», afirmou o presidente, Valentín González Formoso.

Na moción, presentada polo PSdeG e o BNG, e apoiada por todos os grupos políticos agás o PP, alértase de que as administracións locais «están a sufrir un incremento dos custos aos que teñen que facer fronte, tanto nos investimentos como tamén no gasto corrente, minorando os recursos destinados a atender as necesidades da veciñanza» e sinálase que «nestes anos o goberno autonómico ven incumprindo os acordos incluídos no Pacto Local, desatendendo as peticións da FEGAMP, ignorando as necesidades das entidades locais e sobrecargando aos concellos con competencias impropias sen dotalos dos recursos precisos».