A Deputación da Coruña vén de publicar a resolución de concesión das axudas do programa PEL-Concellos, a liña do Plan de Emprego Local (PEL) que permite aos concellos coruñeses contratar a persoas desempregadas para a prestación de servizos básicos municipais.
Este ano, un total de 91 concellos coruñeses recibirán preto de 3,5 millóns de euros para contratar a máis de 400 persoas durante un período máximo de un ano.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou o “carácter social” desta liña do PEL para fomentar a creación de emprego nos concellos, “que ofrece unha oportunidade laboral a centos de persoas con especiais dificultades para atopar un emprego nun momento económico complexo coma o actual”.
“Impulsar a recuperación económica, a creación de emprego e a apoiar aos colectivos que máis o necesitan son obxectivos fundamentais do goberno da Deputación que se cumpren neste programa, que ademais contribúe a mellorar servizos básicos nos municipios da provincia”, afirmou Formoso.