A Deputación da Coruña publicou este luns no seu Boletín Oficial a concesión provisional do programa de limpeza de praias 2023, a través do cal concedeu 900.000 euros entre 41 municipios costeiros da provincia.
A finalidade do programa é apoiar aos concellos coruñeses no sostemento dos gastos de contratación do persoal das brigadas que se encargarán da limpeza dos areais da provincia, así como da adquisición do material necesario, coma o vestiario ou o combustible.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destaca a importancia deste programa “que contribúe a que as praias da provincia estean en condicións óptimas durante o verán e impulsa tamén a creación de emprego durante o período estival, xa que a cargo deste programa e do de contratación de socorristas en piscinas municipais e praias fluviais contrátanse cada ano preto de 300 persoas”.
A subvención para a creación destas brigadas de limpeza ten unha duración máxima de tres meses, que deberán estar comprendidos entre o 1 de abril e o 31 de outubro de 2023. O importe máximo que se concedeu ascende a 31.524 (Ferrol e Carballo) euros e o mínimo a 6.768 euros (Outes, Neda e Corcubión).