O departamento de Turismo da Deputación da Coruña organiza un encontro no emblemático Hotel Nobu, onde este mércores 21 estará promocionando o sector agroalimentario e gastronómico, da man de diferentes produtores locais e os cociñeiros do Restaurante Balarés, que exhibirán ante o público donostiarra a materia prima da provincia. Berberechos do Anllóns, percebes do Roncudo, polbo de Mugardos, mexillóns do Barbanza, empanada de Carballo, grelos de Monfero ou queixo de Arzúa – Ulloa, entre outros, son algúns dos produtos que se presentan este mércores na cidade gipuzkoana.
Nun evento dirixido a un público profesional e baixo o nome «A Coruña cos 5 sentidos», a Deputación pon en valor «a excelencia dos nosos produtos, e tamén da nosa gastronomía», apunta o vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira. «Queremos presumir do noso bo facer e dirixirnos a un perfil de visitante que valora a calidade e a sustentabilidade», engade, «por iso levamos a cabo iniciativas como esta, que forman parte da nosa estratexia de reivindicar un turismo e gastronomía de alto nivel como principal valor diferencial».