A Deputación da Coruña leva aos institutos da provincia a obra teatral “Papel 2.0” para previr o acoso escolar

1 minutes read

Esta nova iniciativa educativa e cultural está dirixida á prevención do acoso escolar a través do teatro. Entre os días 12 e 16 de xaneiro, alumnado de seis institutos da provincia asistirá ás representacións da obra Papel 2.0, unha proposta escénica da compañía Ventrículo|Veloz que busca fomentar a reflexión crítica e o diálogo arredor do bullying nas aulas.

As funcións terán lugar en centros educativos dos concellos de Neda, Sada, Oleiros, Carballo, Oroso e A Pobra do Caramiñal, dentro dun percorrido que achega o teatro contemporáneo a distintos puntos da provincia.

Papel 2.0, escrita e dirixida por Jose Padilla, é unha peza teatral dirixida a público adolescente que aborda a violencia do acoso escolar con humor ácido e unha linguaxe próxima á mocidade. A partir dun feito aparentemente trivial —o lanzamento de rolos de papel hixiénico nunha aula— a obra constrúe un mosaico de escenas que reflicten a banalización do bullying desde múltiples perspectivas: alumnado, familias, profesorado, medios de comunicación e redes sociais. O espectáculo combina referencias culturais próximas ás novas xeracións cunha linguaxe actual, cargada de referencias ao universo dixital- Tik Tok, Fornite, cultura gamer, memes e streaming- co obxectivo de interpelar ao público mozo e provocar unha experiencia tan lúdica como incómoda, que convida a mirar de fronte unha realidade aínda moi presente nos centros educativos.