A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de construción dun aparcadoiro con 395 prazas no entorno de Balarés, termo municipal de Ponteceso.
As obras contan cun orzamento de licitación de 397.306,98 euros e teñen como obxectivo ordenar o estacionamento de vehículos, liberar o tráfico e garantir a seguridade da veciñanza e dos numerosos visitantes que rexistra a praia, o piñeiral e a zona de lecer próxima, especialmente durante a época estival.
A obra de construción do aparcadoiro consistirá nunha intervención branda, perfectamente integrada no entorno ambiental da zona, nunha parcela de máis de 30.000 metros cadrados adquirida pola Deputación e sen afeccións ambientais para o proxecto que se pretende levar a cabo, que eliminará os vehículos que ata agora estacionaban nos laterais da vía principal de entrada á praia, ocasionando dificultades nos accesos e problemas de seguridade.
O novo aparacadoiro contará con 395 prazas, 4 delas para persoas con mobilidade redudida, viais de 5 metros de ancho e vía principal de acceso de 7 metros. O pavimento estará composto por formigón con ocos recheos de terra sobre os que se dispón o céspede. Isto permitirá unha resistencia maior para soportar o peso dos vehículos e, ao mesmo, tempo unha superficie verde cunha permeabilidade do 90%. Usaranse técnicas de drenaxe urbana sostible e disporanse árbores autóctonas no espazo.
As obras inclúen ademais a construción dunha senda peonil de 116 metros de lonxitude e 2 metros de ancho, delimitadas a ambos lados por travesas de madeira, cunha pasarela-ponte de 4,5 metros para salvar o cauce natural do regato existente na zona.
O proxecto pretende mellorar a seguridade e comodidade tanto dos veciños coma das numerosas persoas que visitan a praia e a área de lecer, especialmente durante o verán e que estaban ocasionando problemas de tráfico, de aparcamento e de seguridade.
As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 13 de xuño na Plataforma de Contratación do Estado