A Deputación da Coruña licitará un proxecto de obras de mellora do Camiño Inglés

1 minutes read

A Deputación da Coruña aceptou a encomenda da Asociación de Municipios do Camiño Inglés e tramitará o procedemento de licitación do proxecto técnico “Actuacións de mellora e posta en valor do Camiño Inglés”, cun orzamento inicial de licitación de 435.893,79 euros. Un proxecto que inclúe actuacións de mellora da sinalización, iluminación, pavimentación e seguridade no Camiño Inglés ao seu paso polos 16 municipios integrados na Asociación.

O 78% do financiamento do proxecto técnico procederá da achega da Deputación da Coruña e o resto corresponderá a achegas dos 16 municipios que integran a Asociación de Municipios do Camiño Inglés: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.

As actuacións terán un carácter homoxéneo nos 16 municipios, como exemplifican os paneis informativos que se van a instalar. Trátase duns paneis de madeira que se colocarían na entrada de cada un dos municipios e que achegarían información de utilidade para o peregrino sobre que recursos de interese patrimonial, paisaxístico, cultural e turístico poden ser do seu interese ao paso do roteiro Xacobeo. Unha información dispoñible en galego, español e inglés, cunhas dimensións e imaxe conxunta para todos os municipios.