O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, representará á Deputación da Coruña no encontro estatal sobre destinos turísticos intelixentes que terá lugar este venres, 10 de xuño, na Casa Consistorial de Benidorm e que contará coa participación da ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. Trátase da V Edición do Congreso Digital Tourist que organiza a Asociación Multisectorial de Empresas de Tecnologías de la Información, Comunicaciones y Electrónica (AMETIC).
O vicepresidente da Deputación da Coruña compartirá mesa redonda cun representante da Deputación de Alacante, coa deputada de Turismo da Deputación de Cáceres, Patricia Valle, e co asociado de AMETIC, Ignacio Albendea. A mesa estará coordinada por Javier Martínez Belotto, coordinador do grupo de traballo ‘Pueblos digitales sostenibles’ da AMETIC.
O Congreso Digital Tourist reúne a responsables sectoriais do ámbito da empresa dixital e a responsables políticos e administrativos a nivel estatal, autonómico e provincial.