A Deputación da Coruña pon en valor a labor das mulleres do mar

2 minutes read

Rosa Ana García, deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, reuniuse no Pazo Provincial da Deputación da Coruña con Rita Míguez de la Iglesia, presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA); Rosa Vilas, mariscadora; Marina Buceta, mariscadora e vocal de ANMUPESCA por Galicia; Ángeles Mille, secretaria de ANMUPESCA e dúas socias da Asociación de Redeiras O Fieital de Malpica de Bergantiños.

Nesta xuntanza a deputada destacou “a importancia do traballo das mulleres para o sector pesqueiro galego e da provincia da Coruña, que aporta un valor fundamental ao sector no seu conxunto e constitúen un alicerce fundamental do mesmo, así como unha inestimable contribución ao desenvolvemento socioeconómico da provincia e a sostibilidade do sector primario da franxa costeira.”

Como agradecemento á labor destas mulleres á pesca e á diversificación económica e social das súas contornas, así como a súa loita continua pola mellora das súas condicións laborais, a dignificación do sector e o relevo xeracional, a presente corporación da entidade provincial agasallounas con novo material para facilitar o desenvolvemento da súa actividade nunhas mellores condicións.

O obsequio consistiu en 300 mochilas resistentes, impermeables, acolchadas, con compartimentos e axustables e 300 caixas de primeiros auxilios repletas do material pertinente, como vendas, apósitos, esparadrapo, tesoiras, e demais material de socorro.

Estes elementos resultan esenciais para as traballadoras, e coa súa entrega procurase contribuír á realización das súas tarefas cunha maior comodidade e seguridade. Deste xeito a entidade provincial continúa coa liña de traballo que vén desenvolvendo de apoio ao sector pesqueiro na provincia, sendo moi consciente das necesidades do colectivo das mulleres traballadoras do mar e da importancia de dotalo de recursos que poidan facilitar o seu traballo e realizalo nas mellores condicións de saúde e seguridade laboral posibles.

As 300 mariscadoras, redeiras e percebeiras que recibirán este material pertencen á Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA). Esta asociación está conformada por 21 asociacións a nivel nacional, que aglutinan máis de 10.000 mulleres vinculadas ao mundo do mar en todo o territorio nacional da asociación e a estas 300 mulleres na provincia da Coruña.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?