A Deputación entregou os II Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais a cinco entidades senlleiras da provincia que destacaron polo seu traballo a favor da inclusión social e a protección dos colectivos máis vulnerables.
Os II Premios de Boas Prácticas recaeron na Asociación Down Coruña, polo proxecto de inserción sociolaboral “Quiosco Down Experiencie” ubicado na praza de Ourense da Coruña; na Asociación Síndrome de Down Teima de Ferrol, polo proxecto de fomento da vida independente “Marcho que teño que marchar”; na Asociación de Pais de Persoas con Trastorno de Espectro Autista TEA (Aspanaes) da provincia de A Coruña, polo proxecto sociosanitario “Dentisteando. programa de sensibilización” e na Asociación Ambar de Barbanza, pola súa traxectoria exemplar de apoio ás persoas con diversidade funcional desta comarca.
Os galardóns completáronse con dúas mención honoríficas para a Asociación pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia (Aspronaga) polo seu programa de itinerarios académicos post-obrigatorios e para Asociación Integro de Personas con Diversidade Funcional da Comarca de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, que este ano cumpriu o seu 30 aniversario.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, tomou a palabra para lembrar a importancia e o papel decisivo que teñen estas entidades na sociedade e agradeceu o traballo diario de todas as persoas que traballan nestas entidades, “que permite a moitas persoas o seu desenvolvemento persoal, a igualdade de oportunidades, e a mellora da calidade de vida de moitas familias a través de diferentes proxectos e servizos”.