Trátase da cifra máis elevada da historia da institución provincial e supón un incremento do 6,67% respecto ao exercicio anterior. Un orzamento expansivo, solvente e que mantén por décimo ano consecutivo a débeda cero e que impulsa o modelo de progreso, cohesión territorial e aposta polo municipalismo que a corporación vén desenvolvendo durante a última década. As contas serán sometidas a aprobación no pleno extraordinario convocado para este venres, 21 de novembro, ás 12.00 horas. O Plan Único volve ser o gran protagonista das contas provinciais e sitúase en 2026 nos 88 millóns de euros de orzamento inicial, cun incremento do 2,36%. Dentro desta cifra inclúense 8 millóns para o POS Social, un millón máis que o ano anterior. Un dos grandes anuncios vinculados ao orzamento 2026 é a implantación das cláusulas demográficas, que se incorporarán por primeira vez nunha licitación pública en Galicia e que buscan que determinados servizos se presten desde concellos con risco de despoboamento sempre que sexa tecnicamente posible.
O Plan de emprego local (PEL) conta cunha dotación de 16,37 millóns en 2026. Dende 2016, a Deputación leva investidos 166 millóns nesta área, que permitiron crear máis de 8.000 empregos e apoiar a máis 3.000 empresas. Ademais, 260 proxectos emprendedores naceron na Rede de Coworkings. A área de Vías e Obras contará con 31,16 millóns de euros, cun notable incremento dun 30% respecto a este ano. A prioridade será a seguridade viaria, a creación e mellora de sendas peonís e a mobilidade sustentable.