A Deputación da Coruña presentará unha marca gastronómica propia para identificar a calidade

Cedida.

O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participou este domingo no acto oficial de apertura do ‘Galicia Fórum Gastronómico’, onde defendeu “a gastronomía como eixo fundamental para a promoción do territorio”. Unha promoción que é posible, segundo indicou o vicepresidente “grazas á profesionalidade e á competitividade dos profesionais do sector, desde os produtores e os distribuidores ata os cociñeiros e cociñeiras da provincia”. Engadiu ademais a necesaria implicación do público e das Administracións.

Xosé Regueira lembrou que este martes, no mesmo marco do Galicia Fórum Gastronómico, a Deputación presentará a marca turística e gastronómica coa que identificará produtos agroalimentarios, liñas delicatesen e establecementos de restauración da provincia que apliquen parámetros de calidade e sustentabilidade. “Trátase de difundir os valores e a calidade da nosa gastronomía” explicou Regueira, que ademais vai na liña do tema central sobre o que este ano xira o Galicia Fórum Gastronómico: a sustentabilidade.