A Deputación da Coruña promociona os festivais de arte urbana na feira de Turismo de Málaga

1 minutes read

A Deputación da Coruña contará cunha presenza activa na CM Málaga Cities & Museums International Trade Fair, un evento que celebra este ano a súa segunda edición os días 20 e 21 de xuño. Nos dous días de Feira, o ente provincial participará nunha mesa redonda sobre arte urbano o luns 20 e cunha conferencia sobre a arte contemporánea ao aire libre o martes 21, a cargo do vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira.

Nesta edición, ademais da participación nas mesas e relatorios do programa, a Deputación da Coruña deixará na cidade de Málaga unha pegada permanente, a través dun mural que realizarán os artistas urbanos Mou e Sokram, do colectivo Mutante Creativo e coordinadores do Festival DesOrdes Creativas.

Xosé Regueira lembra que a institución provincial, a través da área de Turismo, convoca anualmente unha liña de axudas para financiar eventos de pintura mural de arte pública. De feito, en 2021 apoiou o Cromático Mural Festo do Concello de Cambre con 22.241,55 €, o Festival Rexenera Fest do Concello de Carballo con 33.205,60 € e o DesOrdes Creativas do Concello de Ordes con 19.844,00 €.