A Deputación da Coruña, a través da área de Turismo, continúa coa súa aposta pola promoción de todos os elos que conforman a cadea gastronómica e que, baixo parámetros de calidade e sustentabildiade, se agrupan baixo o selo ‘A provincia que sabe’. Así, e por primeira vez, o ente provincial participará cun stand en Madrid Fusión, o congreso global especializado en alta gastronomía que reunirá a público profesional en Madrid a vindeira semana, entre o luns 23 e o mércores 25.
O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira indica que participar en Madrid Fusión «é unha oportunidade para que produtores e cociñeiros da provincia incrementen os seus contactos nun sector do mercado moi exclusivo, máis tamén para que os profesionais que participan no congreso poidan testar a calidade e a competitividade dos nosos produtos e da nosa cociña». Ao igual que en anteriores feiras gastronómicas, a Deputación aposta pola presenza directa de produtores no stand institucional. Nesta ocasión, estarán presentes a Asociación de Profesionais do Percebe da Barca (Muxia), A Conserveira (A Pobra do Caramiñal), La Despensa D’Lujo (Coristanco), Costumes Galicia Empanada Artesá (Carballo), Queixería Galmesán (Arzúa) e Choiva Viños (viños da I.X.P. Betanzos e da I.X.P. Barbanza e Iria).
Paralelamente, o luns 23 ás 19h, terá lugar un showcooking no madrileño restaurante Xeito!19’20», a cargo dos cociñeiros coruñeses Iván Domínguez, do restaurante NaDo e socio de Xeito, e Moncho Méndez do restaurante Millo e elixido ‘Cociñeiro Galego do Ano’. Este showcooking estará dirixido a prescriptores e prensa especializada en gastronomía.
Madrid Fusión, que leva xa 20 edicións celebradas, é considerada como a gran cita anual para gastrónomos de todo o mundo e é o espazo onde se amosan as tendencias e as vangardas neste ámbito. O programa desta edición inclúe relatorios de cociñeiros de gran prestixio mundial como o madrileño Dabiz Muñoz presentado baixo o epígrafe «Profeta na súa terra», o italiano Massimiliano Alajmo co título «Cociña no ADN», o xaponés Takayoshi Watanabe con «O perfeccionista do peixe», ou Poul Andrias Ziska desde Islas Feroe presentado como «O chef máis remoto».