A Deputación da Coruña reclama ambulancias medicalizadas para cubrir as necesidades da Costa da Morte

2 minutes read

A Deputación da Coruña reiterou no pleno ordinario deste venres a necesidade urxente de reforzar os servizos de emerxencias sanitarias nas comarcas de Bergantiños e na Costa da Morte mediante a dotación permanente dunha ambulancia medicalizada (Unidade de Soporte Vital Avanzado), que preste servizo as 24 horas do día, para os centros de saúde de Carballo e Cee.

A moción, presentada polo PSdeG-PSOE e o BNG, insta á Xunta de Galicia, á Consellería de Sanidade e á Fundación Pública de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 a atender esta demanda, que responde a unha necesidade real da veciñanza destas comarcas. Aprobouse cos votos favorables de PSOE, BNG e AV e a abstención do Partido Popular.

O texto fai referencia a que a comarca de Bergantiños, con Carballo como núcleo central e de maior poboación, aglutina a preto de 70.000 habitantes. Esta realidade demográfica, unida á dispersión propia do territorio, ao volume de actividade industrial e á distancia cos hospitais de referencia situados na Coruña, fai imprescindible contar cuns servizos de emerxencias sanitarias que atendan ás necesidades dos veciños e veciñas.

No referido á Costa da Morte, os concellos levan máis de 25 anos reclamando a dotación dunha ambulancia medicalizada de soporte vital avanzado (SVA), un recurso esencial para garantir unha atención sanitaria urxente e rápida e de calidade.

Tal e como defendeu o voceiro do PSdeG-PSOE, Bernardo Fernández, «cando falamos de emerxencias sanitarias graves, como infartos, ictus ou traumatismos severos, o tempo de resposta é o factor crítico que determina a diferenza entre a vida e a morte, ou entre a recuperación total e o padecemento de secuelas irreversibles». Por iso, a falta destes equipos médicos «obriga a depender de unidades desprazadas desde outras áreas, o que incrementa os tempos de resposta ata límites inasumibles».

«Nin siquera para pedir dúas ambulancias somos capaces de ver ao Partido Popular neste pleno demandando algo á Xunta de Galicia», afirmou o voceiro socialista

Pola súa parte, a voceira do BNG, Avia Veira, sinalou que «a atención sanitaria non pode depender do código postal» e demandou á Xunta que poña en marcha o servizo «permanente e operativo, as 24 horas e os 365 días».

O portavoz do PP, Evaristo Ben, explicou que «non estamos ante unha ausencia de cobertura; respóndese cunha estrutura planificada e coordinada», detallando os efectivos existentes na coordinación de emerxencias sanitaria, entre elas varias ambulancias de soporte vital básico- non avanzado- que lle dan servizo á comarca.