A Deputación da Coruña reforza a rede pública de atención social nos concellos máis pequenos da provincia

Faino a través do Programa de servizos sociais comunitarios, que este ano financiará 377.991 horas de servizo de axuda no fogar (SAF) e permitirá contratar a 177 profesionais do eido social nos municipios de menos de 20.000 habitantes.

A través deste programa, no que a Deputación inviste 8.855.329 euros, a institución provincial contribúe de maneira decisiva ao sostemento dun servizo esencial para a calidade de vida das persoas maiores, dependentes ou en situación de vulnerabilidade, facilitando que poidan continuar vivindo no seu fogar e no seu contorno habitual, ao tempo que se apoia a conciliación das familias.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, subliñou que este esforzo económico «responde á necesidade de apoiar os concellos na prestación dos servizos sociais, cada vez máis demandados debido ao progresivo envellecemento da poboación, especialmente no rural». Neste sentido, lembrou que o SAF é un servizo básico para garantir a igualdade de dereitos da cidadanía, «viva onde viva».

Apoio directo aos concellos e creación de emprego social

Ademais do financiamento das horas de axuda no fogar, o programa permítelles aos concellos contrataren durante un ano 177 profesionais do ámbito social, entre persoal administrativo e técnico, reforzando así os equipos municipais que atenden diariamente persoas e familias en situación de especial necesidade.

A Deputación financia o 100% do custo salarial do persoal contratado, cunhas contías de referencia de 18.000 euros anuais para persoal administrativo, 22.000 euros para persoal técnico A2 e 26.000 euros para persoal técnico A1, con posibilidade de contratación a xornada completa ou parcial segundo as necesidades de cada concello.

Este apoio contribúe tamén á creación de emprego cualificado e estable no ámbito dos servizos sociais, fortalecendo a capacidade de resposta das administracións locais.

Un programa con equilibrio territorial

O investimento distribúese por todas as comarcas da provincia, garantindo unha atención equilibrada e adaptada ás distintas realidades territoriais. En 2026, o programa permitirá financiar máis de 64.000 horas na comarca da Coruña e Betanzos, 39.000 no Barbanza, case 83.000 en Bergantiños – Costa da Morte, máis de 111.000 en Ferrolterra, Eume e Ortegal e preto de 80.500 horas na comarca de Santiago, ademais da contratación de profesionais en todos estes ámbitos xeográficos.

Formoso destacou que «este programa asegura que os concellos, independentemente do seu tamaño, poidan prestar servizos sociais profesionais e de calidade», reforzando a cohesión territorial e a igualdade de oportunidades.

O social, prioridade estratéxica da Deputación

O financiamento dos servizos sociais comunitarios forma parte da aposta estratéxica da Deputación da Coruña polo benestar social, unha das áreas prioritarias da acción de goberno. Xunto ao SAF, o servizo de teleasistencia, que xa conta con máis de 4.300 persoas usuarias, ou o apoio económico que presta cada ano a 240 entidades sociais para desenvolver o seu labor, a institución provincial impulsa tamén novos recursos e modelos de atención adaptados aos retos demográficos actuais.

Neste contexto, a Deputación está a promover un novo modelo de residencias públicas para persoas maiores, as casas de acompañamento ás persoas maiores, baseadas na proximidade, na atención personalizada, na convivencia e na integración coa contorna. Este modelo aposta por centros de pequeno tamaño, pensados para ofrecer unha atención máis humana e próxima, especialmente no medio rural. Un modelo inspirado no que se está implantado nos países nórdicos, afastado do concepto de institucións pechadas, similares a un hospital, e máis próximo a un fogar de convivencia.

As primeiras casas de acompañamento impulsadas pola Deputación terán a súa sede nas Pontes, Rianxo e Ordes, e constituirán proxectos piloto dun novo enfoque público dos coidados, complementario ao servizo de axuda no fogar e orientado a garantir unha vellez digna, activa e acompañada.

Related posts

A Xunta somete a información pública o Plan que permitirá a ampliación do parque empresarial da Laracha

O Concello de Zas convoca á veciñanza para abordar a situación do seu Centro de Saúde pola falta de persoal sanitario

O Concello de Carballo organiza un ciclo de charlas sobre ocio nocturno para promover a información, o respecto e a convivencia