O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, formalizou con Inés Rey, Ángel Mato e Xosé Sánchez Bugallo, rexedores das tres grandes cidades da provincia, os convenios polos que a Deputación suplementará cun total de 3 millóns de euros os fondos do PRESCO da Coruña, o Plan de Reactivación de Santiago e o PAME de Ferrol, todos eles programas municipais deseñados para amortiguar as consecuencias económicas da COVID-19 entre os sectores máis perxudicados pola pandemia. No acto estiveron tamén presentes o vicepresidente do Goberno provincial, Xosé Regueira, e o deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Rioboo.

Estes 3 millóns de euros súmanse aos 12,5 millóns do plan PEL-REACTIVA que a Deputación, en colaboración cos concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes, ten en marcha para apoiar aos autónomos e pequenos negocios locais afectados pola Covid-19. Isto supón destinar practicamente o 10% do orzamento provincial para axudas a autónomos e microempresas.
Tanto o presidente provincial como os tres rexedores demandaron un maior compromiso por parte da Xunta de Galicia para executar este tipo de axudas directas á hostalería e o comercio local.