Pleno extraordinario na deputación da Coruña sobre o peche de Endesa As Pontes.O PP presentou unha moción instando ao Goberno central a buscar alternativas. De non ser así, pide a dimisión da Ministra de Transición Ecolóxica. A moción non saiu adiante ao ser rexeitada polo resto dos grupos políticos que a tacharon de electoralista.
A iniciativa do Grupo Popular, que foi defendida pola deputada Martina Aneiros, recibiu duras críticas de todos os grupos por «oportunista» e «electoralista» e finalmente decaeu, tras recabar 17 votos en contra de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños, fronte a só 12 favorables do Grupo Popular.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, indicou que a pesar de estar de acordo co fondo da moción, «ten un tinte electoralista que non podemos compartir».
O vicepresidente da Deputación e portavoz do BNG, Xosé Regueira, afirmou que a iniciativa do PP «non é oportuna, é oportunista» e denunciou que os populares «non tiveron a intención de chegar a un acordo, o que lles interesa e buscar un titular político en época electoral».
Regueira afirmou que o que precisan os traballadores «non é a dimisión dunha ministra que xa está en funcións» e considerou que o normal sería que o presidente da Xunta «se puxera á fronte dos 25 alcaldes» das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal para «encabezar unha proposta autonómica que levar a Madrid».
Regueira apuntou tamén a que «a orixe do problema é que Endesa estea en máns italianas e non do Estado español», un aspecto no que tamén incidiron outros portavoces coma Alberto Lema, da Marea Atlántica, que afirmou que «vivimos a época das consecuencias» das privatizacións de empresas públicas que tiveron lugar nos anos 80 e 90.