A Deputación da Coruña solicitará sumarse na causa para a recuperación do Pazo de Meirás que se segue no Xulgado da Coruña para que o inmóbel en mans da familia Franco pase a ser patrimonio público. Así o decidiu o goberno da Deputación e así llo trasladou este mércores, o vicepresidente Xosé Regueira, aos membros da Xunta de Portavoces, entre eles ao de Marea Atlántica, grupo que presentou unha moción sobre este tema que se debaterá no próximo pleno a quen tamén notificou a vontade de eliminar todos os símbolos e recoñecementos franquistas que perduran na institución.
Xosé Regueira sinalou que «Foi unha decisión que xa se acordara na Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás, creada por impulso desta Deputación, que nós queremos cumprir e facer parte como parte implicada que tamén o foi no expolio que fixo que a finca e a edificación fosen dar en mans de Franco e os seus herdeiros».