A Deputación da Coruña traballa para traer á provincia unha etapa de La Vuelta 2020

1 minutes read

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, reuniuse este xoves no seu despacho da institución provincial co director de La Vuelta, Javier Guillén, nun encontro no que tamén participaron o deputado provincial José Manuel Pequeño Castro e a deputada de Deportes, Cristina Capelán Cancelo.

González Formoso afirmou que, tras o éxito de anteriores edicións nas que a ronda ciclista española discorreu pola Costa da Morte, As Mariñas ou San Andrés de Teixido, a Deputación da Coruña propón á organización unha etapa de La Vuelta 2020 no que a Costa da Morte volvería a ser protagonista. O itinerario partiría de Muros, discorrería por Carnota e remataría, unha vez máis, cunha espectular escalada ao mirador do Ézaro, no concello de Dumbría.

O presidente subliñou que a Deputación leva tempo traballando no proxecto de traer de novo La Vuelta á provincia da Coruña, pois “ademáis de supor un importante retorno económico para os territorios por onde pasa, supón unha gran campaña de promoción turística da nosa provincia a nivel mundial, xa que a sinal de televisión é seguida en directo por millóns de espectadores en toda España e en 190 países”.

A organización de La Vuelta dará a coñecer o itinerario definitivo da proba nun acto que se celebrará en Madrid o vindeiro 17 de decembro.