A Deputación de Huelva visitou Sogama para coñecer a súa xestión dos residuos


A presidenta da Deputación provincial de Huelva, María Eugenia Limón, e membros do seu equipo visitaron o Complexo medioambiental de Sogama, en Cerceda, co obxectivo de comprobar de primeira man o seu labor e funcionamento, ademais de coñecer a súa traxectoria, evolución histórica e previsións de futuro; e, en definitiva, interesarse pola xestión dos residuos na Comunidade galega.

María Eugenia Limón foi recibida polo presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez Lino, e pola directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos.

A visita comezou cunha reunión, na que Domínguez Lino explicou as distintas facetas de actividade da empresa, tendo en conta que “van máis alá da área industrial, levando a cabo un importante labor no ámbito educativo e sociolaboral”.

Neste sentido, lembrou os numerosos programas pedagóxicos e campañas de concienciación promovidos por Sogama, da man da Xunta de Galicia, para reforzar a formación da cidadanía na xestión sostible dos residuos urbanos, así como a contribución da empresa á creación de riqueza e emprego, con 1.000 postos de traballo, entre directos e indirectos.

O presidente de Sogama tamén fixo especial fincapé no proceso de transformación loxística e de xestión dos últimos anos, posibilitado pola ampliación do Complexo cercedense ao incrementar a súa capacidade de tratamento nun 81%, pasando desde as 550.000 toneladas anuais a 1 millón. Así mesmo, incidiu na firme aposta de Sogama pola industria 4.0, permitíndolle recuperar, do lixo en masa, os materiais susceptibles de ser reciclados.

Detívose tamén en amosar os datos que acreditan as baixas emisións da planta termoeléctrica, grazas á incorporación de tecnoloxías de última xeración que garanten unha operativa absolutamente respectuosa co medio ambiente e a saúde.

E, igualmente, incidiu na plena compatibilidade e complementariedade de Sogama con outros sistemas de tratamento de residuos, poñendo como exemplo o programa de compostaxe doméstica que lidera esta entidade en Galicia e no marco do cal distribuíu, de forma gratuíta, máis de 17.000 composteiros entre 400 entidades, encargándose igualmente da formación dos cidadáns e a dotación de recursos didácticos e divulgativos.