O Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a primeira modificación de créditos do Orzamento de 2022 para incorporar os 26 millóns de euros dos remanentes que se destinarán a novos investimentos na provincia, entre eles reforzar os fondos destinados ás estradas provinciais, o cofinanciamento dos fondos europeos, a conservación do patrimonio provincial, a dixitalización da Administración, o plan Revitaliza e a Cooperación Transfronteiriza. Unha medida que demostra a axilidade da institución para a utilización de tódolos recursos a prol da transformación da provincia.
O Pleno comezou cunha declaración institucional polo naufraxio do Villa de Pitanxo, transmitindo “o máis sentido pésame” ás familias e seres queridos dos tripulantes falecidos. Ademais enviou a solidariedade á comarca do Morrazo e o recoñecemento “ao conxunto da grande familia do mar”. Finalmente, a Deputación súmase a toda a cidadanía galega “neste momento de fonda tristura par ao país e ao esforzo de tódalas autoridades competentes, dos buques galegos e portugueses que acudiron ao rescate e da empresa armadora para poñer á súa disposición os medios e recursos necesarios para axilizar tódolos trámites precisos para que as familias poidan comezar o seu dó”. A continuación gardouse un minuto de silencio.
Ademais, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, en nome de toda a Corporación, expresou a solidariedade co pobo de Ucraína pola invasión que está a padecer por parte de Rusia.