A Deputación demanda á Xunta máis recursos para garantir a seguridade do curso escolar


O pleno da Deputación aprobou, cos votos favorables de PSdeG-PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e o voto en contra do Partido Popular, dúas mocións presentadas polo Goberno provincial (PSOE-BNG) e Marea Atlántica instando á administración autonómica a implementar unha serie melloras e a asumir as súas competencias exclusivas en materia educativa ante “o fracaso da organización do curso escolar 2020-2021”.

A moción de PSOE e BNG sinala que “o protocolo de adaptación ao contexto do Covid-19 da Xunta, que xa foi reformado en tres ocasións, está presidido por único principio rector: o custe cero” e “deriva a responsabilidades nos centros educativos e nos concellos, suscitando as protestas de sindicatos, ANPAS e entidades locais”

A través desta moción, a Deputación demanda á Xunta “a contratación dos docentes necesarios para o desdobramento das aulas” e que se estableza un metro e medio de distancia de seguridade en todas as actividades escolares, solicitando aos concellos, se é preciso, cesión de espazos públicos para desdobrar as aulas.

No texto, ínstase tamén a Xunta a que asuma as tarefas de desinfección dos centros educativos, que agora deriva aos concellos, ou “dote aos municipios dos medios materiais, persoais e económicos necesarios para facelo”.