Así o trasladou o presidente, Valentín González Formoso, tras a reunión telemática da comisión de deputacións, cabildos e consellos insulares da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que tivo nas últimas horas. Unha postura na que coincidiu co presidente da FEMP, Abel Caballero, e cos presidentes e presidentas de maís de corenta institucións provinciais do Estado, que se expresaron no mesmo sentido.
González Formoso destacou que «estamos falando de remanentes que foron xerados grazas a unha boa xestión económica municipal e que deben quedar neses concellos ou provincias para ser usados con total autonomía por cada entidade local, en función das súas necesidades particulares», afirmou.
O presidente provincial coruñés considerou tamén que «unha parte importante da reconstrucción social e económica que virá nos vindeiros meses recaerá nas administracións locais, que xa están facendo un importante esforzo para atender os efectos sociais e económicos que esta crise ten no día a día da cidadanía».
O pleno da Deputación da Coruña, celebrado o pasado 30 de abril, aprobou por unanimidade unha moción instando ao Goberno de España a derrogar a Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira (coñecida como Lei Montoro) para que, nesta grave crise, os concellos e as deputacións poidan destinar parte do seu superávit a políticas activas de emprego, solidariedade e reactivación económica.