A Deputación destina 12,5 M€ de apoio a autónomos e microempresas afectadas pola Covid

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira, e o deputado responsable da área de Emprego, José Ramón Rioboo, presentaron as principais novidades do programa PEL-Reactiva, unha nova liña do Plan de Emprego Local (PEL) que repartirá 12,5 millóns de euros entre os autónomos e microempresas da provincia para paliar a crise xerada pola Covid-19.

Formoso defendeu a creación de emprego como «o eixo principal de todas as políticas do goberno provincial» e explicou que, debido á pandemia, houbo un importante traballo de reorganización orzamentaria, reducindo liñas de outros departamentos para dotar de fondos a un plan que pretende ser «un apoio masivo» e «necesario» para os autónomos e as pequenas empresas da provincia.

Pola súa banda, o vicepresidente, Xosé Regueira, incidiu tamén «na capacidade de adaptarnos á realidade, renunciando a algunhas apostas políticas que tiñamos proxectado para este ano», pero «mantendo todas as liñas que supoñen creación de emprego e o nivel de investimentos nos concellos».

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo incidiu en que o investimento da Deputación «pasou de 1 a 23 millóns de euros en só cinco anos» e considerou «un éxito» que 88 dos 90 concellos coruñeses de menos de 50.000 habitantes solicitaran participar no PEL-Reactiva.

Poderán acollerse ás axudas do PEL Reactiva os autónomos e microempresas que se viran afectadas polo peche durante o estado de alarma, así coma aquelas que viran reducida a súa facturación en máis dun 75% ou se acolleran a un ERTE.