A Deputación destina 1,8 millóns de euros á contratación de persoal técnico de deportes e cultura nos concellos

1 minutes read

Case dous millóns de euros son o orzamento que a Deputación da Coruña destina ás dúas liñas de axuda para a contratación de persoal técnico municipal das áreas de deportes e cultura nos concellos da provincia.

Un total de 77 concellos son os beneficiarios da liña de axudas para a contratación de persoal técnico en deportes e 72 da destinada a técnicos e técnicas de cultura ás que hai que sumar a contratación que cubrirá distintos concellos da mancomunidade de Ordes. As dúas liñas van permitir realizar contratacións para profesionalizar as dúas áreas de xestión municipal e adaptalas ás particulares necesidades actuais.

A convocatoria para persoal técnico de deportes permitirá aos concellos contar cunha programación profesional e estable ademais de, nestes momentos, axustar a práctica deportiva ás condicións sanitarias que se vaian producindo pola evolución da pandemia.

Os concellos tamén precisarán unha visión profesional para o desenvolvemento das programacións culturais cando se levante o estado de alarma e, nese sentido, a liña de axudas da Deputación da Coruña para persoal técnico poderá contribuír a marcar as pautas na actividade municipal cultural.