Obras na mellora da accesibilidade en Vilarrodís, Arteixo


A Deputación da Coruña destina, a través do Plan único, 292.361 euros para financiar o proxecto da instalación de mobiliario urbano e a reintegración ambiental do percorrido de mellora da accesiblidade e seguridade viaria no núcleo de Vilarrodís, no concello de Arteixo.

A actuación, que conta cun orzamento total de 308.085,43 euros dos que a Deputación achega 292.361 euros e o Concello a parte restante, 15.724 euros, acometerase na avenida Manuel Platas Varela e permitirá resolver as eivas que presenta agora mesmo esta zona en canto a accesibilidade se refire, con itinerarios peonís non accesibles por ser insuficiente o ancho das beirarrúas ou pola existencia de desniveis. Ademais, na súa marxe esquerda, na contorna da estación de servicio, non hai ningún itinerario peonil nin pasos de peóns.

Os traballos que se van levar a cabo incluirán o ensanchamento das beirarrúas, reducindo a zona destinada ao tránsito de vehículos, e a redistribución do espazo dispoñible. Ademais, modificaranse os pasos de peóns existentes e crearanse dous novos na marxe esquerda da estación de servizo.