A Deputación destina 3,2 M€ para apoiar ‘o labor fundamental’ das entidades sociais


A Deputación da Coruña destina este ano 3,2 millóns de euros a entidades sociais da provincia para o mantemento dos seus centros, programas e servizos, así como para dar apoio a investimentos e iniciativas de loita contra a violencia de xénero e políticas de igualdade.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a convocatoria das cinco liñas de axudas coas que o ente provincial promove o traballo que se realiza desde as entidades sociais, fundamentais para garantir o estado de benestar e protexer os dereitos da cidadanía. Poderán optar ás subvencións as entidades sen fins de lucro con sede social na provincia da Coruña ou que desenvolvan a súa actividade na mesma.

Con esta importante aportación “queremos apoiar o labor fundamental que desenvolven as entidades sociais da provincia da Coruña en eidos especialmente sensibles como a atención á infancia, familia e mocidade, os maiores, as persoas con diversidade funciona, o tratamento das drogodependencias e adiccións e cos colectivos que se atopen en risco de exclusión”, explicou o presidente, Valentín González Formoso, que subliñou a “importante aposta social da Deputación nos últimos anos, a máis grande da súa historia, cun orzamento que coloca as persoas no centro das nosas políticas para que ninguén quede atrás”.