O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Laracha, José Manuel López Varela, asinaron este venres un convenio de colaboración para financiar a mellora dos accesos á praia das Salseiras, un dos elementos turísticos máis valiosos do municipio.
A Deputación achegará 60.247 euros, o 80% do orzamento total do proxecto que ascende a 75.309 euros, para a estas melloras dos accesos deste areal de Caión, tanto a pé como para os vehículos.
Caión conta cun gran potencial turístico, o cal se alimenta de recursos básicos como a valor da paisaxe, a historia da vila e a praia das Salseiras. Neste momento o acceso á praia, tanto o que a comunica co núcleo da vila de Caión como a que vén do núcleo de Goxán, non ten un ancho viable para que pasen dous coches ou autobuses, polo que se no verán xéranse moitos problemas para chegar ao aparcadoiro da praia. Tampouco existe un acceso peonil desde o núcleo urbano, xa que hai unicamente unha senda que remata na avenida da Laracha.
Por estes motivos, o citado proxecto de mellora dos accesos á praia das Salseiras incluirá a implantación dunha senda peonil, de 250 metros de lonxitude e 1,80 metros de ancho, que comunicará de forma segura a avenida da Laracha coa praia, dando continuidade ao circuíto peonil existente. O material utilizado será formigón en color ocre, para conseguir unha maior integración no medio.
Por outra banda, mellorarase a estrada de acceso para soportar a alta densidade de tráfico que debe soportar nos meses de verán. Así, ampliarase a calzada con dous carrís de circulación cunha base de zahorra artificial para que os vehículos poidan chegar dun xeito máis fluído ao aparcadoiro.
A Deputación da Coruña responde así á demanda do Concello da Laracha, que desde o ano 2010 iniciou unha serie de actuacións para facilitar o acceso e goce do borde litoral á poboación, que contemplaba este proxecto para a praia das Salseiras entre os seus principais eixos de actuación.