O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, vén de asinar a resolución que da luz verde ao programa provincial de servizos sociais comunitarios 2020, cun investimento de 6.865.445 euros que se destinarán á contratación de 280 profesionais da área social nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.
O programa permite aos pequenos e medianos municipios dotarse de persoal técnico especializado, persoal administrativo de apoio e de axuda a domicilio. Uns profesionais que atenden cada día as necesidades de miles de cidadáns con problemas de índole social e económica, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos ou con discapacidade.
291.000 horas de axuda a domiclio para maiores e dependentes
A través deste programa, a Deputación cofinancia 291.000 horas de servizo de axuda a domicilio cun prezo de 12 euros por hora. Tamén se financia o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €).