A Deputación edita un libro sobre o patrimonio militar da costa coruñesa


A Deputación da Coruña edita o libro “La defensa de la costa. Provincia de A Coruña”, no que se repasan en máis de 400 páxinas as fortificacións de artillería construídas na costa coruñesa entre os séculos XVI e XX. Este martes tivo lugar a presentación desta obra nas instalacións de Exponav, en Ferrol.

O libro dá continuidade ao labor de investigación e difusión de ambos autores en relación ao eido das baterías e defensas da costa coruñesa, “cun novo volume case enciclopédico que temos a honra de presentar hoxe”, indicou o presidente provincial, Valentín González Formoso. O dirixente sinalou que a publicación “pon en valor o inmenso patrimonio militar da área de Ferrol e de toda a costa da provincia da Coruña”. Resultado da historia defensiva da zona, “contamos agora no terreo que compón o Golfo Ártabro cun enorme tesouro patrimonial que debemos defender: a arquitectura militar”.

No acto participaron ademais do presidente provincial, Valentín González Formoso; o almirante do arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos, o xerente de Exponav, Rafael Suárez, o catedrático de Historia da Arte da USC, Alfredo Vigo Trasancos; e os autores do libro, o arquitecto técnico e doutor en Historia da Arte, José Manuel Yáñez, e o comandante de artillería retirado, José Manuel López Hermida.