A Deputación esíxelle á Xunta o cese do desmantelamento da sanidade pública

Cedida.

O pleno da Deputación da Coruña aprobou, cos votos a favor de todos os grupos políticos menos o PP, unha moción presentada polo PSG-PSOE e o BNG que demanda a mellora da sanidade pública xunto co cese da política de desmantelamento e peche de servizos nos hospitais da área.

A iniciativa, trasladada pola plataforma SOS Sanidade Pública, aposta pola mellora urxente da sanidade pública, paliando a carencia de recursos públicos sociosanitarios e reducindo as listas de espera e tempos de demora das consultas de atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos para o que obriga tamén á administración galega a publicar as “listas de espera ocultas e acabar coa súa manipulación”. Ademais, inclúe nos seus puntos o fin da precariedade e a explotación laboral do persoal de servizos de saúde.

A moción aprobada en pleno quere poñer freo á privatización da sanidade instando a revisar os concertos cos hospitais e clínicas privadas e eliminar os que non son necesarios, como indica a Lei Xeral de Sanidade e poñendo fin á política de privatización de recursos e de derivar pacientes ás clínicas privadas.

Finalmente, comprométese tamén a mostrar o seu apoio á mobilización convocada desde SOS Sanidade Pública para o vindeiro 9 de febreiro, con saída da Alameda de Santiago ás 12:00 horas.