O presidente da Cámara de Comercio, Antonio Couceiro e o presidente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña APECCO , Diego Vázquez, participaron na xornada xunto con Xosé Regueira, vicepresidente provincial, e Xosé Luis Penas, deputado de Contratación, para expoñer a súa visión sobre o cambio no sistema de contratación no ámbito público e como afecta no contexto privado.
Os obxectivos da modificación dos pregos sintetízanse, segundo apuntaron na intervención os representantes da Deputación, na axilización da contratación, a redución da burocracia, o establecemento dos criterios sociais máis xustos, a priorización de aspectos de calidade sobre o prezo.
Os cambios, redundan no fomento da contratación laboral, a dinamización da economía e o mercado de traballo, a redución da subcontratación, a limitación das empresas pantalla, a redución das porcentaxes de baixas entre licitado e adxudicado, a mellora da competitividade entre empresas e o aumento da contratación multicriterio sobre o único criterio factor prezo.
O presidente da Cámara de Comercio, Antonio Couceiro, agradeceu a predisposición «dos presentes para poder chegar a este momento», que non é outro que a consecución dun «entorno xusto para competir» no sector económico.
Diego Vázquez, presidente de APPECO, sinalaba que «o titular é o conseguido, a estreita colaboración público-privada logo de máis de corenta reunións durante todo este tempo. Logramos unha situación que suporá un incremento da competitividade para a economía galega», concluíu.