A Deputación financia 75.000 horas de servizo de axuda no fogar na Costa da Morte

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este luns o concello de Fisterra, onde xunto co alcalde, José Marcote, e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, participou nunha reunión coas traballadoras da área social e do servizo de axuda no fogar (SAF) do municipio para interesarse polo traballo que desenvolven e polas necesidades que detectan na súa labor diaria e nas que a Deputación poda prestar a súa colaboración.

González Formoso destacou que os SAF «son un servizo esencial para garantir a atención aos maiores e dependentes nos concellos máis pequenos» e explicou que o apoio da Deputación permite aos municipios da provincia contratar durante este ano a 180 profesionais especializados no eido social e financiar 368.548 horas de axuda de fogar, 77.000 máis que o ano pasado.

No caso das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte, a Deputación inviste este ano máis de 4 millóns de euros en reforzar os servizos sociais.  Deles 2,4 millóns proceden do Fondo Social do Plan Único e 1,6 millóns do Programa de Servizos Sociais Comunitarios, que permiten a contratación de 35 profesionais e a prestación de case 75.000 horas de axuda no fogar.