A Deputación financia a adquisición de vehículos para nove clubs de remo e piragüismo


A Deputación da Coruña apoia aos clubs de remo e piragüismo da provincia na adquisición de vehículos de uso deportivo cunha liña de axudas de 225.000 euros.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou a concesión provisional destas subvencións, que benefician a un total de nove entidades coruñesas: Club de Remo Muros, Club de Remo Narón, Club de Remo Olímpico do Mandeo, Club do Mar de Noia, Club Deportivo Náutico Miño, Club Náutico Firrete de Pontedeume, Club Náutico Folixa, Club Piragüismo Grupo Juvenil Puentes G.R. e Club Piragüismo Rías Baixas. Todas elas reciben unha achega de 25.000 euros para a adquisición do equipamento.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, sinalou que “con estas axudas pretendemos dar apoio aos clubs de dous deportes náuticos que contan cunha longa tradición na nosa provincia e que necesitan de medios de transporte para poder desprazarse co material necesario para desenvolver os seus adestramentos, así como para acudir ás diferentes competicións”.