A Deputación financia a reparación das cubertas no edificio de Down Compostela


A Deputación da Coruña destina 45.900 euros, preto do 80% do orzamento total da actuación que alcanza os 57.473,96 euros, co obxectivo de solucionar as filtracións de auga que se están a producir desde a cuberta e que derivan en problemas de salubridade no interior do centro. Para iso, actuarase en tres zonas: a cuberta sobre o módulo de entrada, a cuberta con paneis solares e, por último, a cuberta con máquinas de climatización.

No caso da cuberta sobre o módulo de entrada revisarase o estado xeral da mesma e limparanse os elementos de desaugue á baixantes de pluviais. No teito que soporta os paneis solares, que presenta danos que provocan filtracións no salón de actos, será preciso desmontar todos os elementos (paneis solares, estrutura portante, chapas, forrado interior, impermeabilización…) para realizar un saneado e preparación para a posterior colocación dunha nova impermeabilización. A continuación, volverían a colocarse todos os elementos, substituíndo un panel solar que está roto. Na cuberta con máquinas de climatización repetiranse os mesmos traballos que na que sos paneis solares coa diferencia de que o que hai que retirar son as citadas máquinas.

A Deputación cumpre así o compromiso adquirido por Valentín González Formoso durante a súa visita ao centro compostelán a finais de 2020, na que os responsables de Down Compostela lle trasladaron a necesidade de mellorar o tellado do centro para evitar filtracións e mellorar o confort interior do inmoble, no que se desenvolven os diferentes programas e actividades que ofrece a Fundación nos ámbitos educativo e de inserción social e laboral, dos que se benefician máis dun centenar de familias.