A Deputación financia a reurbanización de dúas rúas en Camariñas

Cedida.

A Deputación da Coruña financiará as obras de reurbanización das céntricas rúas Ramón Noguera e Irmáns Fernández, no Concello de Camariñas, un proxecto para o que achegará un total de 102.676,82 euros.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, asinaron o convenio de colaboración entre ambas entidades polo que a Deputación aportará 102.676,82 euros, o 80% do orzamento total da obra, que ascende a 128.346,03 euros.

A actuación centrarase na pavimentación das rúas citadas. Para isto, aplicarase un novo firme de formigón armado na rúa Ramón Noguera e de aglomerado asfáltico en Irmáns Fernández, material que tamén se usará para o entronque coa Avenida da Coruña.

Previamente á pavimentación procederase á execución dunha rede de saneamento de augas fecais con bombeo co obxectivo de canalizalas á red xeral que conduce á estación depuradora e evitando así que se produzan vertidos ao mar. Paralelamente, instalarase outra rede para a recollida e evacuación de augas pluviais.

Finalmente, procederase á ordenación do encontro destas dúas rúas coa Avenida da Coruña. Para facilitar a mobilidade habilitarase un paso peonil de pedra granítica que conectará a Avenida da Coruña coas rúas a través da illa existente, na que se renovará a zona verde, instalarase unha luminaria e tamén unha baranda. Ademais, reordenaranse as prazas de aparcadoiro en toda a zona.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha