A colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Cabana para a posta en valor e mantemento da coñecida como “catedral do megalitismo galego” terá continuidade en 2023. O deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, e o alcalde cabanés, Xosé Muíño, veñen de renovar o convenio para o financiamento, por parte da institución provincial, das actividades e o servizo de atención a visitantes do Dolmen de Dombate. Neste exercicio, a Deputación aportará 62.184,41 euros.
Esa achega servirá para sufragar os custos de visitas guiadas, visitas escolares, atención ao cliente, obradoiros de prehistoria dirixidos á rapazada, encontros teatralizados, xornadas, charlas, presentacións, rutas cicloturísticas ou noites de observación de estrelas, entre outras das actividades e servizos que se prestan e realizan no conxunto megalítico.