A Deputación financia unha senda peonil en Berdoias, Vimianzo

A Deputación da Coruña financia a creación dunha senda peonil en Berdoias (Vimianzo) con cargo o Plan Único. A senda terá case medio quilómetro de longo, entre os puntos quilométricos 74,9 e 75,3. Os traballos contarán cun orzamento base de 72.814,68 euros e executaranse na marxe dereita da estrada AC-552. O prazo de presentación de ofertas remata o día 28 de xullo.

Esta infraestrutura é moi demandada, xa que é un espazo moi transitado, sobre todo pola veciñanza que se dirixe cara o cemiterio situado nas aforas do núcleo. A necesidade dun espazo reservado para o tránsito de peóns resulta máis evidente os días de afluencia masiva, como poden ser os días de enterro.

Por medio da intervención proposta preténdese mellorar a seguridade viaria e das persoas nesas cerimonias de alta concorrencia. A senda distinguirase por un cambio no pavimento, e por isto proponse formigón gris, atendendo ás demandas de Patrimonio, e terá un total de 1,80 metros de ancho, discorrendo paralela á calzada. A separación da senda coa estrada realizarase mediante unha cuneta de seguridade, de 1,20 metros de ancho.

Desde a Deputación sinalan que «con este proxecto daremos solución a unha demanda veciñal importantísima. Esta infraestrutura permitirá derivar o tráfico peonil da estrada á senda, algo que sobre todo os días de cerimonias fúnebres se agradecerá e garantirá a seguridade das veciñas e veciños de Vimianzo».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha