A Deputación financiará 5 novos proxectos en Carballo

1 minutes read
  • O ente provincial achegará un millón de euros para actuacións de mellora da mobilidade e dos servizos en 10 parroquias.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, vén de asinar a resolución que dá luz verde a un novo paquete de 223 obras que se executarán nos concellos da provincia con cargo aos fondos adicionais do Plan Único (POS+2019), cinco delas no noso concello.

As actuacións que levaremos a cabo, e cuxa contratación poderá iniciarse en breve, son as seguintes:

  • Construción da rede de abastecemento ao núcleo de Lema: 431.876,23 euros
  • Reurbanización das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia: 250.770,83 euros
  • Mellora da rodadura viaria dende Xoane ata Piñeiro (Goiáns): 100.473,33 euros
  • Mellora do acceso peonil na contorna da Milagrosa e na rúa Vázquez de Parga: 182.336,84 euros
  • Conexión aérea de luz de nova instalación nas parroquias de Carballo, Bértoa, Sísamo, Noicela, Razo, Sofán, Aldemunde, Vilela e Goiáns: 95.122,40 euros

Dende a Deputación da Coruña destacan a importancia de que o reparto dos fondos estea baseado en criterios obxectivos (poboación, superficie, número de parroquias e esforzo fiscal) e de que sexan os propios concellos os que deciden en que queren investir os fondos que lles achega a Deputación.

O POS+2019 conta aínda con outros 16,2 millóns de fondos adicionais que se destinarán integramente ao financiamento de obras financeiramente sostibles nos concellos da provincia e que se aprobarán en pleno a finais deste ano, polo que se estima que o número de obras do Plan Único podería superar as 700 ao remate do exercicio.