A Deputación iluminouse de morado para conmemorar o Día Mundial do Alzheimer


A Deputación da Coruña sumouse este luns aos actos en prol da concienciación sobre o alzheimer. A Organización Mundial da Saúde instituíu nesta data o Día Mundial do Alzheimer, co obxectivo de dar a coñecer a enfermidade, difundir información e acadar o apoio das institucións e organismos públicos e privados, así como da sociedade en xeral.

Para evidenciar o seu apoio, a sede da Deputación iluminouse esta pasada noite de cor morado, a cor asociada á loita contra esta enfermidade dexenerativa.

Outros emblemáticos edificios coruñeses, coma a Torre de Hércules ou o Castelo de Santa Cruz, xa se uniron en edicións anteriores a esta iniciativa internacional. Algúns dos lugares máis recoñecidos a nivel mundial, como o Empire State, a Torre Eiffel ou as Cataratas do Niágara, tamén adoitan iluminarse de morado como mostra de apoio aos enfermos e familiares.

Segundo a Confederación Española do Alzheimer (CEAFA), máis de 1,2 millóns de persoas sofren esta doenza en España.