A Deputación da Coruña impulsará un plan piloto para crear unha rede de residencias públicas para maiores de ámbito provincial, unhas das cales estará situada en Ordes, outra nas Pontes e a terceira en Rianxo. Estes centros serán residencias de pequeno tamaño e máis proximidade, con capacidade para unhas 50 persoas. O presidente provincial, Valentín González Formoso, explicou que con esta iniciativa “pretendemos mellorar o benestar e evitar o desarraigo e a soidade non desexada dos maiores”, que moitas veces vense na obriga de ir a residencias moi lonxe do seu fogar, así como “crear emprego e axudar a fixar poboación no rural”, explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
Ademais de Ordes, a iniciativa botará a andar en Rianxo e nas Pontes, tal e como recolle o protocolo asinado o pasado venres polo presidente e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso; o vicepresidente, Xosé Regueira; a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños e a concelleira de Política Social de Ordes, Susana García.
Formoso explicou que estes tres primeiros centros suporán un investimento de 6 millóns de euros e crearán 188 empregos. Os centros serán de titularidade e xestión pública. González Formoso contrapón este modelo co da Xunta, “que conta cun 90% de residencias privadas, con tarifas moitas veces inasumibles para as familias e que ademais non creou nin unha soa praza pública de residencias nos últimos 14 anos”.