A Deputación insta á Xunta a impedir que a Fundación Franco continúe utilizando o Pazo de Meirás

Pazo de Meirás

A Deputación da Coruña aprobou en pleno, co apoio do PSdG-PSOE, BNG, PP, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños, unha declaración institucional encamiñada a impedir que, despois de se facer pública a sentenza que obriga á familia do ditador a devolver a propiedade, a Fundación Franco continúe xestionando as visitas ao inmoble e utilizando o espazo para facer apoloxía do franquismo.

No texto da iniciativa lémbrase que foi precisamente a utilización da Fundación Franco do Pazo de Meirás para difundir o ideario fascista o que levou hai tres anos, o 15 de setembro de 2017 a iniciar “por responsabilidade institucional histórica”, unha liña de acción que foi decisiva para levar a propiedade do inmoble ao xuízo que rematou cunha sentenza favorable á devolución do pazo ao patrimonio público.

Se entón, hai tres anos, o acordo plenario incluía o rexeitamento da institución á xestión do programa de visitas por parte da Fundación Francisco Franco e mostraba o seu apoio par que fose o propio Concello de Sada quen se ocupase do programa, agora, tres anos despois, a declaración da Deputación da Coruña recoñece que a situación mudou coa sentenza do Xulgado de Primeira Instancia da Coruña mais continúa de maneira “incomprensible” a mesma xestión do programa de visitas. O Pazo de Meirás, contempla a declaración, “segue a ser utilizado como templo do franquismo, con visitas guiadas que continúan a defender os idearios do movemento, incumprindo con impunidade a Lei da Memoria Histórica”.

Despois de ter coñecemento desta situación, a Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia a activar os mecanismos necesarios para impedir que a Fundación Francisco Franco continúe á fronte da xestión de visitas guiadas ao Pazo de Meirás, obrigadas pola súa condición de BIC.

A Deputación da Coruña ofrécese, neste sentido, para, xunto co Concello de Sada e a propia Xunta, traballar conxuntamente “para que o Pazo de Meirás inclúa o relato completo da súa propia historia, desde que era propiedade da escritora Emilia Pardo Bazán até a actual sentenza”.

Finalmente, a Deputación quere, a través da declaración institucional, “recoñecer publicamente o labor de todas as persoas e entidades que nos últimos anos denunciaron este espolio e participaron no proceso de recuperación do Pazo de Meirás”.