O pleno da Deputación da Coruña aprobou unha moción presentada polos grupos provinciais PSdG-PSOE e BNG pola que se insta á Xunta de Galicia a elaborar un plan urxente para a recuperación do Sistema Sanitario Público de Galicia.
No texto, que contou cos apoios de todos os grupos políticos da corporación a excepción do grupo popular, que votou en contra, solicítase á Xunta que elabore unha folla de ruta que permita a redución das listas de espera na atención especializada (consultas, probas diagnósticas e cirurxías) que se incrementaron notablemente durante a pandemia.
Na mesma liña, a Deputación da Coruña insta á Xunta a «retomar de forma inmediata a atención presencial nos centros de saúde, limitando as consultas telefónicas aos trámites para os que foron creadas e que non precisen da consulta do persoal profesional médico».