O Boletín Oficial da Provincia publicou este luns a resolución de concesión das axudas do programa PEL-Concellos, a liña do Plan de Emprego Local (PEL) que permite aos concellos coruñeses contratar a persoas desempregadas para a prestación de servizos básicos municipais. Este ano, un total de 92 concellos coruñeses recibirán 3.547.620 euros para contratar a máis de 400 persoas durante un período máximo de un ano.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou o “carácter social” desta liña do PEL, que “prima a contratación de persoas con especiais dificultades de inserción laboral” e que supón tamén “unha aposta polo mundo rural”, xa que o 84% dos fondos (2.964.193 €) concédense a municipios de menos de 20.000 habitantes, proporcionando aos concellos máis pequenos os medios humanos necesarios para poder ofrecer servizos municipais de calidade. “Cremos no rural e con este programa axudamos a crear postos de traballo e a mellorar os servizos públicos que os concellos ofrecen á veciñanza”, afirmou o presidente.
As persoas con maior dificultade para atopar traballo serán a prioridade á hora de seleccionar o persoal, os concellos deberán aplicar criterios sociais e dar prioridade á inserción de persoas que pertenzan a colectivos con maiores dificultades para acceder a un posto de traballo.
Así pois, beneficiarase a persoas maiores de 45 anos, desempregadas de longa duración, persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, en risco de exclusión laboral ou mulleres. Ademais, dentro destes colectivos, os concellos primarán a aquelas persoas que teñan rematado favorablemente programas de capacitación, formación e integración no mundo laboral organizados ou financiados polas administracións públicas.
Os operarios e operarias, deberán ser contratados cunha xornada mínima semanal de 25 horas. As axudas destinaranse a sufragar os custos salariais, de Seguridade Social, as indemnizacións por fin de contrato e a formación en materia de prevención de riscos laborais das novas contratacións.