O Plan Único da Deputación da Coruña financia con 530.000 euros un paquete de actuacións no Concello de Cambre para mellorar a seguridade e accesibilidade na praza Fernando Buesa, na contorna do parque infantil da rúa Francisco Rodríguez, na rúa María Mariño e na parada de bus da rúa Tapia. Todas as obras están xa en fase de licitación na Plataforma de Contratación do Estado.
Dentro dos investimentos, destaca unha partida de 300.000 euros para levar a cabo a reforma integral da praza Fernando Buesa, no Temple. O ente provincial financia o 91,6% do custo total da iniciativa que permitirá actuar nunha superficie duns 4.720 metros cadrados. O máximo obxectivo desta proposta e que o parque recupere o seu atractivo e sexa empregado por toda a veciñanza como lugar de ocio.
Os traballos dotarán ao espazo de zonas axardinadas e arboredo, unha área infantil, parque de calistenia e gradas. A iniciativa inclúe a reubicación, ampliación e mellora do parque existente, así como o incremento de servizos no lugar. Así pois, a parte superior da praza contará cunhas gradas que se empregarán como punto de encontro, ademais de para albergar espectáculos e funcións. Tamén se habilitará unha pista de calistenia no recinto.
