A Deputación da Coruña inviste máis de 690.000 euros na mellora do firme de estradas provinciais da Laracha e Ordes

Vén de adxudicar dúas novas obras de mellora da seguridade viaria na rede provincial por un importe total de 690.688,48 euros. Concretamente, estes investimentos irán á estrada DP-2404 ao seu paso pola Laracha e na DP-2405 no termo municipal de Ordes.

No caso da Laracha, os traballos na estrada que une este municipio coa Silva (Cerceda) por Golmar contan cun orzamento de 461.412,84 euros. Esta intervención desenvólvese nos tramos comprendidos entre os puntos quilométricos 7+300 ao 8+100 e do 8+900 ao 11+500, dando así continuidade ás fases anteriores executadas pola institución provincial nesta vía.

Cunha duración prevista de cinco meses, as obras na DP-2404 inclúen a limpeza de cunetas, o fresado e a pavimentación con mestura bituminosa en quente en todo o ancho da calzada. Esta actuación permite completar a mellora integral dun vial onde a Deputación xa investira previamente preto de 181.000 euros para os primeiros 3,3 quilómetros e outros 434.903 euros para o tramo entre o punto quilométrico 3+300 e o 7+300. Con este novo investimento, refórzase a seguridade dun itinerario fundamental para a comunicación local que xa contou con reparacións puntuais previas noutros tramos da súa extensión.

A Deputación da Coruña tamén adxudicou por 229.275,64 euros as obras de mellora do firme na DP-2405 de Cerceda a Mesón do Vento. A intervención céntrase nun tramo de 1 quilómetro situado entre os puntos quilométricos 5+200 e 6+200, no termo municipal de Ordes. Ao igual que na obra da Laracha, o prazo de execución estimado é de cinco meses e contempla o estendido dunha nova capa de rodaxe, ademais da renovación da sinalización horizontal.

O proxecto en Ordes inclúe tamén actuacións específicas para mellorar a drenaxe e a protección dos usuarios, como a execución de 94 metros de cuneta de formigón e a instalación de 90 metros de barreira de seguridade.

A deputada da área de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, destacou que «a Deputación xestiona unha das redes de estradas máis extensas de Galicia, con 2.100 quilómetros de lonxitude e o noso obxectivo é mantela en condicións óptimas durante todo o ano, garantindo desprazamentos seguros».

Estas obras forman parte deses continuos investimentos na rede viaria da Deputación da Coruña, que busca garantir unhas condicións de circulación óptimas, mellorar a seguridade das vías e a comodidade nos desprazamentos.

Related posts

O mercado municipal de Carballo converteuse este luns no punto de partida do Mes das Persoas Consumidoras

O Concello da Laracha aprobará en cuestión de días o orzamento máis alto da súa historia

Excelente resultado para a natación carballesa en dous dos frontes competitivos dos calendarios nacional e rexional