A Deputación lanza unha campaña para promocionarse como destino turístico

1 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e o vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, presentaron a nova campaña de promoción turística coa que queren posicionar o destino e atraer turistas nun mercado que aposta por recursos naturais, seguros e saudábeis. “956 km de costa e un camiño infinito dan para moito” é o lema da nova campaña que se intensificará por volta dos principais períodos vacacionais e quere competir fundamentalmente polo turismo de proximidade.

Valentín González Formoso, defendeu a necesidade de desenvolver novas liñas de promoción turística co fin de revitalizar un “dos piares claves da nosa provincia a nivel económico co que queremos contribuír cun esforzo que é importante para os milleiros de persoas que viven do turismo”.

Coa campaña que se presentou, Xosé Regueira explica que se intenta transmitir “calidade, frescura, seguridade no destino, buscando a amplitude territorial da cantidade de costa e intentando un equilibrio interior/costa e rural/urbano, ámbitos os dous necesarios para a recuperación”.