A Deputación da Coruña licita por máis de 1 millón de euros as obras de construción dunha senda peonil ao longo da estrada DP-2801 de Corcubión a San Roque por Redonda. O prazo de execución dos traballos será de 11 meses e as empresas interesadas poderán presentar propostas ata o 26 de abril na Plataforma de Contratación do Estado.
As obras permitirán configurar un gran itinerario peonil no municipio, sendo un dos proxectos con maior investimento da área de Vías e Obras do ente provincial durante este ano e o maior realizado en Corcubión ata o momento.
Os traballos «suporán unha notable mellora na seguridade peonil e un ambicioso proxecto de futuro para crear un gran itinerario peonil que circunde boa parte da costa de Corcubión e que permita gozar das paisaxes únicas que ofrece», indicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
Pola súa banda, o alcalde de Corcubión, Manuel Insua, manifestou a súa satisfacción polo «investimento histórico» que supón a obra para un municipio que conta con 1,3 millóns de orzamento anual.
